Sunday 05 de May de 2024

O auditorio da Casa da Cultura de Lousame acolle este domingo o espectáculo “Ópera Break´s”, que mestura ópera e break dance


Producido por Vella Escola e Ermnarte, as entradas poden recollerse na Casa da Cultura ou chamando ao 981 825 780

O auditorio da Casa da Cultura de Lousame acollerá este domingo 9 de novembro, ás 17:30 e ás 19:00 horas, o show “Ópera Break´s”, unha mestura de ópera, breakdance e DJ nun único espectáculo de gran calidade artística que xurde da colaboración da soprano Esperanza Mara (Emanarte) e de tres artistas urbanos do colectivo Vella Escola: DJ Mil e dos bailaríns Bboy Serlli e Pol Rock, coa colaboración especial doutros profesionais do mundo do Beatbox e do Graffiti.
A asistencia é totalmente de balde, se ben o aforo é limitado debido á aplicación dos protocolos preventivos fronte á Covid-19. Para favorecer a participación, o Concello de Lousame organizará dous pases: ás 17:30 e ás 19:00 horas, para dar tempo á desinfección e ventilación da sala. Os veciños e veciñas que desexen asistir poden reservar a súa entrada chamando á Casa da Cultura (981 825 780). A día de hoxe xa están máis da metade das prazas cubertas.
“Ópera Break´s” ten unha duración aproximada de unha hora nas que, a través da expresión musical e corporal, contan unha historia que rompe as barreiras do clásico e do urbano, fusionando ambos conceptos nun espectáculo multidisciplinar e sorprendente. Unha mestura dun xénero como a ópera, ligada a un estereotipo elitista e ligado aos espazos pechados dos teatros, coa cultura urbana, dirixida á mocidade, transgresora e libre de normas.